Tuesday 30 de April de 2024

Inspección Laboral refórzase en 2023 cun 6,6% máis de actuacións para loitar contra a economía irregular, o fraude na contratación e previr os riscos no traballo


― O Plan de obxectivos para o vindeiro ano recolle 41.000 ordes de servizo divididas en cinco áreas: prevención de riscos laborais, emprego e relacións laborais, seguridade social, economía irregular e traballo de estranxeiros e outras actuacións

― As competencias específicas da Xunta céntranse no eixo de emprego e relacións laborais e prevención de riscos, que representan o 44% do total de accións

― Prevense campañas específicas contra o fraude na contratación con 1.460 ordes, ao tempo que se vixiarán os contratos formativos e ás empresas cunha alta porcentaxe de contratos temporais

― O control para previr os riscos laborais será prioritario co reforzo de accións no sector da construción; e campañas específicas no mar e para controlar as enfermidades por sobreesforzos

― Outro ámbito que se vixiará con especial relevancia será o cumprimento da igualdade efectiva entre mulleres e homes

A Xunta de Galicia, en coodinación coa Inspección de Traballo, refozarán de cara o vindeiro ano as actuacións previstas para seguir loitando contra a economía irregular, o fraude na contratación e previr os riscos no traballo, entre outros. Así, o total de actuacións ou ordes de servizo previstas para 2023 aumentarán nun 6,6% ata chegar ás máis de 41.000, dividéndose en cinco grandes áreas: prevención de riscos laborais, emprego e relacións laborais, seguridade social, economía irregular e traballo de estranxeiros e outras actuacións (accións no programadas).

As competencias da Xunta céntranse nas dúas primeiras, prevención de riscos e relacións laborais, que representan o 44% do total das actuacións previstas. No caso do eixo emprego e relacións laborais prevense campañas específicas contra o fraude na contratación, cun total de 1.460 actuacións en toda Galicia: 500 na Coruña, 120 en Lugo, 140 en Ourense e 700 en Pontevedra. Así mesmo, vixiaranse os contratos formativos con 165 ordes de servizo e controlarase a contratación a tempo parcial, para o que se prevén 860 actuacións (o 34,60% do programa de obxectivos para 2023) distribuídas do seguinte xeito: 400 na Coruña, 110 en Lugo, 100 en Ourense e 250 en Pontevedra.

Así mesmo, o Plan da Inspección para 2023 prevé investigacións naqueles sectores nos que se establecen determinadas porcentaxes de contratos indefinidos en relación coa totalidade do cadro de persoal, en concreto, en empresas cunha elevada taxa de temporalidade.

As actuaciones en materia de xornada laboral, horas extraordinarias e descansos irán dirixidas principalmente aos sectores nos que se detecta un maior número de irregularidades. Neste eido, contémplanse dúas campañas específicas para controlar o tempo de traballo (con 995 accións) e o rexistro da xornada (343).

Outra das accións no que se centrará en 2023 a Inspección Laboral relaciónase con vixiar o cumprimento das empresas obrigadas á contratación dunha porcentaxe mínima de persoas con discapacidade e as condicións de traballo nos centros especiais de emprego, ao tempo que se realizarán controis na loita contra a discriminación por razóns distintas de xénero e de inmigrantes.
Tamén se inclúe unha campaña específica de control das condicións salariais, que integra o control dos impagamentos e retrasos; e a vixilancia da igualdade efectiva entre mulleres e homes considérase un obxectivo prioritario, fixándose 405 ordes de servizo para controlar a discriminación no acceso ao emprego, na relación laboral, o acoso sexual e por razón de sexo e as medidas e plans de igualdade. Así mesmo, controlaranse os dereitos sobre conciliación da vida laboral e familiar e a discriminación na negociación colectiva.

Prevención de riscos laborais

En canto á area de prevención de riscos laborais, o outro eixo no que a Xunta ten competencias a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, dáselle un carácter prioritario á actuación inspectora nesta materia para protexer a vida e a integridade física das persoas traballadoras. Así, as actuacións están encamiñadas a previr os accidentes no traballo e ofrecer unha resposta eficaz e unha investigación rápida nos que se produzan.

Para iso, reforzaranse as accións no sector da construción coa comprobación das condicións dos materiais e do seu uso, e dos plans e estudos de seguridade. En total, prevense 1.610 ordes de servizo neste campo (500 na Coruña, 420 en Lugo, 150 en Ourense e 540 en Pontevedra). Así mesmo, levaranse a cabo campañas no sector marítimo, como a centrada nos buques de pesca, e unha de control dos riscos na actividade agraria.

Tamén continuarase coa realización de actuacións para previr os riscos musculoesqueléticos. En 2023 programaranse 117 accións nos sectores nos que se detectou un maior número de accidentes de traballo por sobreesforzo e nas empresas nas que realizaron requerimentos este ano. Contémplase, ademais, unha campaña concreta na actividade das camareiras de pisos
Así mesmo, a Xunta, en coordinación coa Inspección de Traballo, levará a cabo controis dos riscos psicosociais, introducindo a perspectiva de xénero e priorizándose as actuacións en actividades sanitarias e relacionadas co emprego e servizos financeiros.

Por último, e con respecto ás areas competencias do Estado, no eixo da Seguridade Social terase en conta a vixilancia da figura dos falsos autónomos, as prácticas non laborais e o cobro axeitado da prestación e subsidio por desemprego. Na área de emprego irregular, as inspeccións están encamiñadas a detectar faltas de alta na Seguridade Social, o cobro de prestacións incompatibles ou o emprego irregular de persoas estranxeiras, entre outras.

  Número de actuacións
Prevención de riscos laborais 9.033
Relacións laborais e emprego 9.052
Seguridade Social 11.052
Economía irregular e estranxeiros 10.951
Outras actuacións 980
Total 41.068